venres, 28 de febreiro de 2014

As TICs na Literatura

Con este blog, alén de mellorar a nosa competencia dixital e guiar a do noso alumnado,  pretendemos,como dixemos na nosa presentación, dinamizar e sementar o gusto pola lectura e que as rapazas e os rapaces empecen a usar as novas tecnoloxías para expoñer as súas críticas literarias, os seus gustos, os temas que lles atraen máis, autores preferidos,etc... pero ao mesmo tempo que fagan un uso adecuado destas tecnoloxías, que saiban discernir información, poñela en tea de xuízo; ser respectuosos, non expoñer datos persoais que os comprometan así como non subir fotos persoais; etc... 

Dedicaremos unha sesión a recodarlles as vantaxes e os perigos que acarrean estas tecnoloxías dende a educación:


 
E logo xa nos dedicaremos a explicar como elaborar entradas sobre o tema que nos ocupa, que non era outro que dar a coñecer e vender as nosas lecturas. Para iso propoñemos varios puntos:
1º) Acudir á biblioteca do centro e escoller un título. Aproveitamos que temos varios exemplares de  As sete mortes, de Carlos Vila Sexto e tomámola como exemplo:

 
2º) A medida que van lendo a obra ir propoñendo cuestións aos compañeiros ou pequenos xogos de acertixos, por exemplo, verbo desta lectura: 

 Ex. : Ao principio da historia, un dos personaxes que é asasinado ten tatuado un tríscele no seu corpo. Esta tatuaxe terá un valor simbólico ao longo da obra. Sabedes o que é un tríscele ou trisquel e o que significa? 

3º)  Despois de rematar a lectura da obra deixar unha pequena reseña que sexa atractiva e incite aos demais a lela.
Ex. Ourense, un home especial que traballa para un traficante de droga e ten que meterse pastillas todos os días. As feridas rexenéranse, sobrevive a todos os ataques. Ata que todo vai empezar a cambiar cando chega xunto a el un vello que morre no momento e lle deixa unha mensaxe. Aquí comeza unha especial aventura para descifrar quen é, por que é inmortal, quen era o vello...


mércores, 26 de febreiro de 2014

E ti, que les? 


Co nome deste blog pretendemos que o noso alumnado dea a coñecer as súas experiencias lectoras aos compañeir@s e así crear ou afiianzar un hábito lector entre eles. No canto de leren todos o mesmo libro de lectura, nunha sesión de clase acudiremos á biblioteca para que cada persoa elixa un libro que atope do seu gusto. Nós, como docentes, realizaremos algunhas recomendacións, e trataremos de "vender" algúns títulos para guiar a súa escolla, e, unha vez rematada a lectura, cadaquén fará unha entrada no blog promocionando o libro que leu.